Somos Abella.

Xestión culturalProdución de eventos culturais.

Que é Abella?

Somos Abella Producións, unha entidade de XESTIÓN CULTURAL, completa e resolutiva, nada coa intención de crear e conducir eventos para o cambio e o crecemento sociocultural.

Somos unha proposta en positivo, cunha gran capacidade e experiencia para abordar proxectos a través dunha organización comprometida e flexible.

O noso obxectivo primeiro é a solvencia nas nosas accións e que redunden na satisfacción dos seus destinatarios.

Descarrega o noso dossier

Servizos de produción de eventos

As nosas áreas de traballo divídense en catro celas:

  • AUDITORÍA CULTURAL: estudo da viabilidade de proxectos públicos e privados. Asesoramento na construción e desenvolvemento de eventos.
  • ACCIÓN CULTURAL: Dinamización cultural. Propostas de calidade para o cambio e o crecemento social e cultural.
  • COMUNICACIÓN: Estratexias de comunicación e marketing. Soportes e difusión dixital. Comunicación periodística.
  • DISTRIBUCIÓN: Comercialización de traballos audiovisuais e de artes escénicas.

Eventos e proxectos nas nosas mans

Ao longo dos anos foron moitas as institucións públicas, empresas, asociaciós e negocios locais que confiaron en nós:

Proxectos:

Galician Freaky Film Festival (GFFF)

Nadal de 2017, froito da recepción de vídeos freaks na convocatoria do Festival Primavera do Cine, nacía o Galician Freaky Film Festival.

VIGO, CENTRO DE PEREGRINACIÓN FREAK

O GALICIAN FREAKY FILM FESTIVAL é o evento de cinema e cultura freak definitivo. Un festival que amosa unha coidada selección nacional e internacional de filmes de xénero. Pezas moitas veces inéditas en Galicia, con estreas mundiais, internacionais e nacionais. O festival é máis ca un simple acontecemento cinematográfico, sendo as proxeccións de películas o epicentro de numerosas actividades paralelas. Un evento que ano a ano gana máis fans, un festival que vai alén do cinematográfico converténdose nunha auténtica experiencia de comunidade.

Máis de 2.000 persoas responderon á chamada freak na sétima edición do festival celebrada en setembro de 2023 no C.C. Plaza Elíptica e nos Cines Tamberlick (Vigo). As críticas positivas de público, convidados e medios, e o respaldo de creadorxs de todo o mundo, xunto cunha programación moi coidada nun ambiente único, converten a o GFFF no festival de cinema máis divertido de Galicia e nun dos festivais de xénero máis vándalos do panorama nacional.

The Wild

Xestores do The Wild, o festival multidisciplinar que se celebra no Parque Forestal de San Miguel de Oia.

Permanece Salvaxe

“As mellores experiencias son as que fan espertar os sentidos”

Así rezaba o eslogan do cartel do THE WILD 2019 e así se resume este proxecto. Un acontecemento que non deixa a ninguén indiferente. Un evento multidisciplinar e poliédrico enriquecido coas experiencias e actividades máis diversas, tendo como nexo de unión a sustentabilidade e o respecto ao medio ambiente.

THE WILD trata de consolidarse como un festival de referencia, que teña como fío condutor a natureza, a sustentabilidade e o coidado do medio ambiente. Concertos, deporte, cinema, empresas, faladoiros, gastro, artesáns, e os máis cativos, son os alicerces que sustentan este evento que integra a todo tipo de público e sensibilidades. A V edición de THE WILD tivo lugar os días 23, 24 e 25 de xuño de 2023 novamente nun enclave privilexiado como é o Parque Forestal de San Miguel de Oia.

Preto de 2 000 asistentes acudiron a este conglomerado de actividades que fixeron deste evento algo máis ca un festival: unha experiencia para compartir con familia e amigos en plena natureza.

Unha ponte coa lusofonía

Unha escolma polas cinematografías contemporáneas de países da comunidade lusófona.

TENDENDO PONTES A TRAVÉS DO CINEMA

UNHA PONTE COA LUSOFONÍA nace como unha mostra de cinema coa que pretendemos achegar a Vigo producións lusófonas e galegas contemporáneas, traendo á provincia de Pontevedra obras alternativas que se atopan fóra do circuíto máis xeneralista.

A III edición desta mostra tivo lugar entre os meses de outubro e novembro de 2023 e celebrouse no MARCO - Museo de Arte Contemporánea de Vigo. Durante catro xornadas o público puido desfrutar de dúas obras recentes, unha longametraxe e unha curtametraxe, dos catro países lusófonos presentes na selección desta edición: Angola, Brasil, Portugal e Galicia.

A equipa de Abella Producións xa viña traballando nesta idea cando realizaba o Festival Primavera de Cine, o festival de cinema lusófono máis importante do noso territorio. O intercambio cultural e etnográfico de ambas comunidades unidas para sempre pola lingua é unha das grandes motivacións para desenvolver proxectos como o que presentamos, para difundir a integración e o intercambio entre a Galicia e os países lusófonos a través do cinema.

Cinema Miúdo

Xestores do Festival Internacional de Cinema Infantil de Ames (2019, 2022 - ...)

PLANTANDO A SEMENTE DO CINEMA NAS NOVAS XERACIÓNS

Impulsado polo Concello de Ames e en colaboración con Patio de Luces Producciones, Abella Producións, desenvolveu a xestión e produción da III Edición do Festival Internacional de Cinema Infantil de Ames.

Tras un ano de parón, a nosa entidade retomou a xestión do evento desde o ano 2022.

Na VI e última edición celebrada entre os días 16 e 19 novembro de 2023 proxectáronse 75 obras chegadas de todo o mundo. Complementaron as proxeccións, un obradoiro e actuacións musicais e circenses. Un completo evento para os máis miúdos e miúdas da casa polo que pasaron máis de 1.000 espectadores.

Divulgación do traballo de Musicalización de Filmes Mudos

A divulgación de traballos audiovisuais de cinema silente musicados en directo por profesionais é unha das actividades que máis anos levamos desenrolando.

RETORNANDO AOS INICIOS DO CINEMA

A divulgación de traballos audiovisuais de cinema silente musicados en directo por profesionais é unha das actividades que máis anos levamos desenrolando. Este tipo de actividade adoita recibir o respaldo do público, que valora a oportunidade de gozar de obras clave da historia do cinema engadíndolle o compoñente de desfrutar en directo de pezas musicais compostas por e para a ocasión. A atmosfera na que nos somerxe a proxección permítenos experimentala como os nosos antepasados fai un século.

  1. La pasión de Juana de Arco

    A nosa entidade e o Conservatorio Superior de Música de Vigo uniron esforzos para promocionar unha das actividades máis espectaculares que combinou a proxección dun dos filmes máis representativos do cine mudo coa música en directo. Un réquiem composto por Brais González no que a interpretación correu a cargo dun ensemble de 12 músicos formado por profesores, alumnos e ex-alumnos do CMSV xunto co reputado Coro de Cámara Rías Baixas, dirixido por Bruno Díaz.

  2. Nosferatu

    A inauguración da #2 edition do festival GFFF correu a cargo de Caspervek Ensemble que musicalizou en directo na Sala Videodrome un dos clásicos imprescindibles do cinema de terror e do expresionismo alemán: Nosferatu, unha sinfonía do horror, a peza mestra do director alemán F. W. Murnau. A inspiración para a peza vén da música do expresionismo alemán, con matices do dodecafonismo e tamén das melodías e instrumentación do cine de terror. O público quedou totalmente embriagado pola riqueda da composición e a interpretación de Brais González e o seu conxunto.

  3. A Carreta Pantasma

    A inauguración da #3 edition do festival GFFF correu de novo a cargo de Caspervek Ensemble, que musicalizou en directo A Carreta Pantasma do director sueco Victor Sjöström.

    A elección desta cinta vén inspirada por The Shinning, filme ao que o GFFF brindou homenaxe e do cal Stanley Kubrick, e moitos máis, nutríronse flagrantemente para as súas creacións. A composición de Caspervek voi unha partitura orixinal para quinteto que integrou dous temas folclóricos suecos dentro do xa propio universo e estilo Caspervek.

  4. Häxan

    “Único e motivador. Unha visión a medio camiño entre a ficción e o documental que nos anima a explorar a importancia da bruxaría, dos rituais e da superstición ao longo dos tempos.”

    Häxan explora as raíces e as supersticións que rodean a bruxería, comezando na Idade Media ata o século XX. Baseado en parte no propio estudo de Christensen sobre o Malleus Maleficarum, unha guía alemá do século XV para inquisidores, a película propón a noción de que esas caza de bruxas poden ter sido derivadas de malentendidos sobre enfermidades mentais.

    A banda sonora de Caspervek para Häxan estreouse en febreiro de 2015 no Museo Nacional de Arte de Tallin (Estonia) para a formación regular da banda. Despois de anos de silencio, en 2019, Brais González reescribiu a partitura para engadir acordeón, estreándoa de novo na Fundación Vicente Risco de Allariz ese outono. A nova música inclúe elementos da música contemporánea e novas linguaxes musicais e tamén moitas referencias á música medieval e ao canto gregoriano.

  5. THE HUNCHBACK OF NOTRE DAME

    A inauguración da #6 edition do festival GFFF - Galician Freaky Film Festival correu de novo a cargo de Caspervek. Nesta ocasión en modo Orquestra, musicalizaron en directo The Hunchback of Notre Dame, do director Wallace Worsley no ano no que se cumprían 99 anos da súa estrea.

    Esta musicalización do clásico baseado na obra de Victor Hugo ía estrearse en decembro de 2019 mais debido á pandemia da COVID-10 a estrea cancelouse. Foi, durante a inauguración do festival en setembro de 2022, cando por vez primeira puido desfrutarse desta partitura orixinal e inédita composta polo virtuoso pianista Brais González.

    Esta peza resultou ser unha viaxe sonora ao París do século XV mediante o uso de elementos musicais do Renacemento francés e a monodia sacra medieval, combinados co estilo composicional habitual do grupo.

    Xunto a Brais Gozález, estiveron o percusionista e compañeiro en Caspervek Blas Castañer, así como unha pequena orquestra formada por Laura Lorenzo na frauta, Antía Lago no clarinete, Ainara González na trompa, Óscar Presas no trombón, Erea Carabajales no violín, Ángela Neto na viola, Jimena Andión no cello e Raquel Miguélez no contrabaixo, convertendo esta estrea no proxecto máis ambicioso representado por Caspervek no GFFF ata a data.

  6. "AS VISTAS" LUMIÉRÈ NO TAMBERLICK

    No ano 2017, conmemorando os 120 anos da primeira proxección cinematográfica na cidade Vigo, desenvolveuse unha proxección no emplazamento do desaparecido Teatro-Circo Tamberlick. A actividade correou a cargo do Festival Primavera do Cine en colaboración co Instituto Lumière de Lyon. Da man do grupo Caspervek como fío musical conductor, proxectáronse os doce filmes orixinais dos irmáns Lumière que abraiaron ao público vigués por primeira vez naquel lonxano 29 de abril de 1897. A sesión complementouse coa proxección da mítica e máxica peza Viaxe a Lúa de Georges Meliés.

Sementeira no Camiño

Poesía e cinema ao longo de vilas emblemáticas do Camiño Portugués a Santiago de Compostela.

Novos xeitos de sentir o Camiño de Santiago

O Camiño de Santiago é, desde hai séculos, unha das rutas de peregrinación máis importantes do mundo, cun inmenso impacto que se estende, como non podía ser doutro xeito á arte e a cultura.

Con Sementeira no Camiño salientamos a riqueza do patrimonio natural e cultural do Camiño de Santiago, así como o seu aspecto humano ao buscar o intercambio de experiencias entre os seus habitantes e peregrinos a través da arte.

Neste proxecto quixemos achegar ás vilas de Iria Flavia, Pontecesures, Cesantes, Redondela e Tui outro xeito de vivir e sentir a peregrinación. Cinco xornadas onde púxose de manifesto os valores e as bondades do Camiño de Santiago a través da proxección dunha serie de filmes aderezados coa fermosa poesía de artistas das vilas.

Nas Ondas Galegas

Onda Galicia

UNINDO PAÍSES A TRAVÉS DA MÚSICA

NAS ONDAS GALEGAS. Un podcast de dúas tempadas con 6 programas cada unha delas no que faremos un percorrido pola historia da música galega e brasileira. O proxecto vai dirixido aos melómanos da nosa influencia lusófona, por iso será presentado en galego e portugués polo noso equipo.

O proxecto que presentamos pretende crear unha plataforma web onde o idioma e a cultura de Galicia sexan o eixo para a presentación da musica galega e brasileira nas súas variadas vertentes. A plataforma pretende ser un instrumento para promover a riqueza da musica galega e brasileira e aproveitar o bo momento actual para xerar novos públicos e novos territorios para a musica producida na Galicia e no Brasil. Alén do formato informativo da web, a plataforma facilita 6 episodios, con programas producidos específicamente para o proxecto, onde serán abordados os distintos momentos e estilos da música galega e brasileira.

Os programas serán presentados en galego e portugués, coa finalidade de abrir xunto a comunidade lusófona unha oportunidade de crear espazos e oportunidades para a música e o idioma galego.

Ciclo O surrealismo de Saramago no cinema 2022

Ciclo de cine de José Saramago para conmemorar os 100 anos do nacemento do premio Nobel portugués.

CELEBRANDO O CENTENARIO DO NOBEL PORTUGUÉS

No marco do centenario de José Saramago, este ciclo de filmes, promovido pola I Cátedra Internacional José Saramago da Universidade de Vigo e comisariado por Abella Produciones, céntrouse nos aspectos surrealistas que se desprenden do traballo do Premio Nobel de Literatura e que se desenvolveron nalgunhas das súas adaptacións cinematográficas. Porén, tamén se abordaran outros temas, como os elementos políticos, poéticos e biográficos dunha obra e personalidade universal, cuxas ideas non deixaron de ter unha manifesta relevancia.

Durante tres semanas proxectáronse no Museo de Arte Contemporáneo de Vigo (MARCO) tres longametraxes (Enemigo, Embargo e Ceguera), un documental (José y Pilar) e sete curtametraxes (tres delas producidas en Galicia). Cada unha das cinco sesións foi presentada por persoas implicadas na realización e/ou produción das películas, así como no ámbito cinematográfico.

Primavera do Cine (ed. IV a VIII)

Xestores do festival de cinema galego e lusófono máis importante do noso territorio.

A PORTA DE EUROPA DA LUSOFONÍA

Na súa última xestión, edición VIII, celebrada entre abril e maio de 2019, exhibíronse preto de 100 traballos e achegáronse máis de 3.000 persoas. As coidadas actividades paralelas xunto coas propias proxeccións que se celebraron durante os días dos festival converten ao Festival Primavera do Cine no evento cinematográfico máis grande da cidade de Vigo ata a data.

Cine miúdo

Unha actividade didáctica e pedagóxica na que mediante unha musicalización en vivo ensínase aos cativos a importancia da música no cinema mudo, infantil e familiar.

DESCUBRINDO A MAXIA DAS BANDAS SONORAS

Cine Miúdo é unha actividade didáctica e pedagóxica na que mediante unha musicalización en vivo, da man de do grupo Caspervek Trío amósase aos máis cativos a importancia da música no cinema mudo, infantil e familiar.

Durante 5 anos, e tras 14 sesións, máis de 4,000 nen@s pasaron por esta actividade respaldada polo Concello de Vigo, AFundación e máis de 25 centros escolares da comarca.

Novo Cinema

Da man da Embaixada de Brasil en Madrid e a Fundación Cultural Hispano-Brasileña.

BRASIL: O XIGANTE CINEMATOGRÁFICO

Da man da Embaixada de Brasil en Madrid e a Fundación Cultural Hispano-Brasileña realizáronse durante dous anos a presentación de filmes brasileiros como O Silêncio do Céu de Marco Dutra ou Antes que eu me esqueça de Tiago Arakilian nun intento de achegar unha pequena parte da gran produción audiovisual que se xenera no xigante suramericano.

Das seis sesións realizadas, catro delas tiveron lugar nos xa clásicos Multicines Norte de Vigo, e dúas delas en espazos públicos recibindo o apoio e colaboración das súas correspondentes asociacións veciñais.

Mostra de cinema cubano

Retrospectiva dos filmes máis destacados da cinematografía cubana das últimas catro décadas.

VIVA CUBA!

Conmemorando o 60 aniversario do triunfo da Revolución Cubana realizouse unha retrospectiva dalgúns dos filmes máis destacados da cinematografía cubana das últimas catro décadas: Soy Cuba, de Mikhail Kalatozov, Clandestinos, de Fernando Pérez ou Fresa y Chocolate de Juan Carlos Tabio e Tomás Gutierrez Alea xunto cunha sección de curtametraxes conformaron esta mostra.

O evento realizouse nos Multicines Norte en colaboración co Ateneo Atlántico, o Consulado Cubano de Santiago de Compostela, a Asociación de amizade galego-cubana Francisco Villamil e o ICAIC.

Cine ao aire libre

Actividade que naceu como complemento do Primavera do Cine, e que co tempo volveuse unha actividade independente.

Achegando o cine aos barrios

Actividade que naceu como complemento do Primavera do Cine, e que co tempo volveuse unha actividade independente. Esta ten como principal motivación levar o cinema aos barrios afastados dos núcleos urbanos. Preto dunha decena de proxeccións avalan esta actividade como unha forma distinta de gozar do cinema en comunidade.

Quen somos?

Experiencia, compromiso, creatividade e bo humor defínennos. Coñece á equipa de Abella!

Juan de Castro

Juan de Castro

Vén do eido da enxeñería e a arquitectura, mais na última década concentra todas as súas enerxías na xestión cultural, como Experto Universitario en Xestión Cultural pola USC, e na produción de proxectos cinematográficos e eventos culturais. Presidente e capitán de Abella Producións e director do GFFF e de Cinema Miúdo de Ames. Foi convidado como xurado e programador en festivais e mostras de cinema en España e Portugal como Cinanima, FIC Verín, ou Motel X. É xestor do The Wild Fest e foi director do Festival Primavera do Cine.

Ignacio Lago (Nacho)

Ignacio Lago (Nacho)

Enxeñeiro Informático, xefe técnico e coordinador de equipos en múltiples empresas e proxectos nacionais e internacionais. Escribiu crítica de cinema en diversos blogues entre os anos 2010 e 2013. Membro, en múltiples ocasións, da organización do Galician Freaky Film Festival, do Festival Internacional de Cinema Primavera do Cine e do Festival Nun Local. Asiste desde hai máis dunha década a festivais e mostras de cinema en Galicia, como Play-Doc ou Cineuropa; nacionais, como o Sitges - Festival internacional de cinema fantàstic de Catalunya, TerrorMolins, MECAL, Docs Barcelona ou IN-EDIT; e internacionais como a Berlinale - Berlin International Film Festival ou o TIFF - Tokyo International Film Festival.

Miriam P. Álvarez

Miriam P. Álvarez

Licenciada en Comunicación Audiovisual pola Facultade de Ciencias da Información da UCM. Comeza a súa andaina colaborando como voluntaria en eventos culturais na cidade de Vigo. Desempeñou a labor de Axudante de Dirección nos Festivais Primavera do Cine (2018-2019) e GFFF - Galician Freaky Film Festival (2017-2021), asumindo a Subdirección deste último desde 2022.

Membro de Abella Producións desde o seu nacemento desempeña tarefas de produción, financiación, comunity manager e/ou edición de vídeo nos distintos proxectos da productora.

No eido do audiovisual desenvolveu tarefas de axudante de produción e dirección en varios videoclips do grupo Broken Peach (I miss you, Late night sessions, Like a Gale…). Presenta e produce desde 2021 o programa youtubeiro Ministerio do Cinema Freak e Cinema Caníbal centrados na divulgación de cinema.

André de Oliveira

André de Oliveira

Poeta, artista visual e xestor cultural, é licenciado en Artes Visuais por Unigranrio e realizou un curso de formación para xestores públicos e axentes culturais na UERJ (Brasil). Foi concelleiro de cultura e turismo na cidade de Duque de Caxias, Brasil. Participou de diversos movementos culturais no Brasil, entre eles: o grupo cultural Utópicus, o Cineclube Mate Con Angu e a Lira de Ouro. Fundou e presidiu a Radio Quarup FM, na cidade de Duque de Caxias. Autor do libro de poesías Manual práctico para uso de obxectos sensíbeis. Actualmente vive na cidade de Vigo na España, onde actúa na produtora Abella Producións, onde xa participou das producións do Festival Internacional de Cinema Primavera do Cine de Vigo e do Galician Freak Film Festival, alén de actuar no Festival Internacional de Poesía Kerouac.

Paula Pazo

Paula Pazo

Produtora de audiovisuais, eventos e espectáculos, cun máster en subtitulado e audiodescrición, e técnica en administración de redes informáticas. Comezou a súa vida laboral no eido da informática ata que cambiou de profesión e misturou ambas levando a produción e xestión do evento de videoxogos Retrovigo. Membro da organización nos festivais Consentido, Festival Internacional de Cinema Primavera do Cine, Galician Freaky Film Festival (GFFF), Festival Internacional de Cinema Infantil de Ames (Cinema Miúdo). Xestión de progamación e páxina web no The Wild Festival e colaboradora no evento de videoxogos FaroGaming a través da asociación Retrogaláicos da que forma parte. Tamén participou na produción audiovisual dos programas para TVG Tupperclub e Festigaliando.

Severiano Casalderrey

Severiano Casalderrey

Licenciado en Historia da Arte e Titulado Superior en Piano, dedica boa parte da súa actividade profesional actual á curadoría de cinema. Foi director do festival de animación ANIRMAU (2011-13). Dende 2012 formou parte do equipo de programación do festival de curtametraxes FICBUEU, do que foi o seu subdirector entre 2019 e 2023. Actualmente, desenvolve o seu traballo como curador noutros festivais de cinema galegos como o GFFF (Vigo), Cinema Miúdo (Ames), IMAXINARIA (A Coruña) e INTERSECCIÓN (A Coruña).

Colaborou puntualmente con outros festivais de todo o mundo na área de programación de cinema, ademais de participar como xurado en máis de 15 festivais (Cinanima, TIDCA-Taipei, Curtas Vila do Conde…). É autor igualmente de catro publicacións literarias orientadas á promoción da curtametraxe, ademais de colaborar puntualmente con revistas especializadas como Tempos Novos, Transit ou A Cuarta Parede. Ademais, é membro da Academia Galega do Audiovisual dende 2012, así como da española Academia de Cine dende 2023.

Jorge Fdz Meneses

Jorge Fdz Meneses

Graduado en Comunicación Audiovisual pola universidade de Vigo. Combina a participación en rodaxes de proxectos tanto propios: "Astral" (2017), "Brotes"(2018); coma alleos: "Trote" (Xacio Baño,2018), "Maria Solinha" (Ignacio Vilar,2020), "Monte Bravo"(Noelia Muíño, 2020). Ten experiencia en gravación de eventos e festivais como o GFFF, FicBueu ou Primavera do Cine.

Paula Cermeño

Paula Cermeño

Xornalista apaixonada da vida cultural, a comida e as viaxes. Escribe sobre actualidade e gastronomía e xestiona as redes sociais da revista A Movida, descubre novos talentos audiovisuais en Dot Galicia e publica reportaxes no suplemento cultural Sermos Galiza. Forma parte dos equipos de comunicación dos festivais Galician Freaky Film Festival, The Wild Fest, a Mostra do Posible e Primavera do Cine, nos que tamén exerce como fotógrafa titular. Soña con facer todo isto desde unha praia do Caribe.

Raquel Vázquez

Raquel Vázquez

Licenciada en Belas Artes pola facultade de Pontevedra. Forma parte do grupo de performance Sex. Inc. realizando múltiples performances. Traballou como deseñadora gráfica no estudio de Marta Villar dentro da creación de decorados para series e programas da TVG e colaborando na ambientación da TV Movie “Entre Bateas” (Premio Mestre Mateo á mellor dirección artística). Na produtora “La Casa Mortimer” desenvolve labores de difusión da cultura audiovisual, coa organización de xornadas sobre cinema e conferencias monográficas. Tamén é súa a Dirección Artística dos documentais “A Paixón de María Soliña” e “Afranio”. É a responsable da ambientación e decoración do festival GFFF.

Óscar Suárez

Óscar Suárez

Fixo o seu debut cinematográfico con The Last Patrol. Nos anos 2001 e 2002 ten a súa primeira experiencia na TVG, traballando na serie Fíos, onde será o encargado dos castings e tamén das tarefas de rexidor dalgúns sets desta serie televisiva. Tamén realiza o traballo de “coach” con actores e actrices como Manuel Manquiña, Laura Ponte ou Manolo Romón. Entre os anos 2004 e 2005 colabora con Televigo, e forma parte do equipo ¡Qué grande es ser freak! Do 2005 ata o 2010 traballa en Planeta Cine, onde destaca na súa crítica moi persoal sobre as estreas semanais da gran pantalla. Colaborou con diferentes revistas culturais, e no ano 2013 remata o libro: Memorias dun neno cinéfago. É tamén co-fundador do Galician Freaky Film Festival (GFFF). Dende o ano 2016 imparte conferencias, talleres e cursos de cine en diferentes, escolas, institutos ou asociacións culturais da cidade de Vigo.

Contacta connosco